DESTINATARIOS

Poderán participar na "Viaxe da mocidade a Torremolinos (Málaga)" todos os mozos e mozas veciños do Concello de Brión que no momento da súa participación estean empadroados e teñan entre 18 a 35 anos de idade.
De xeito extraordinario, e con motivo da celebración do 10 aniversario das Viaxes da Mocidade, na edición deste ano tamén poderán inscribirse mozas e mozos con máis de 35 anos que participaran na actividade nas dúas últimas convocatorias (2015 e 2016), ocupando as prazas que queden sen cubrir polos participantes de 18 a 35 anos unha vez remate a fase de preinscrición.

DATAS

A viaxe realizarase entre o 24 e o 30 de xullo do ano 2017.

PRAZAS

O número máximo de participantes é de 50.

A VIAXE INCLÚE

• Transporte desde Brión a Torremolinos, ida e volta, e desprazamentos para as actividades programadas.
• Aloxamento no Albergue Inturjoven de Torremolinos
• Almorzo e cea todos os días da estancia no albergue.

PREZO

O prezo da viaxe é de 220 €.
O pagamento das taxas poderase facer efectivo do 1 ao 23 de xuño de 2017, unha vez recibido o aviso por parte da organización.

INSCRICIÓN

A preinscrición realizarase do 2 ao 31 de de maio de 2017 mediante chamada telefónica ao número 981.50.99.69 de luns a venres en horario de 17:00 a 21:00 horas e os sábados de 10:30 a 13:00 horas. A admisión dos participantes realizarase por rigorosa orde de inscrición.

Dentro deste prazo abrirase unha listaxe para os mozos de Brión e outra de reserva para os mozos de fóra do Concello, tendo os mozos de Brión preferencia á hora da adxudicación das prazas da viaxe. Os mozos de Brión que se inscriban fóra deste prazo pasarán directamente á listaxe de reserva na orde en que lles corresponda na mesma, perdendo o seu dereito de preferencia por ser veciños do Concello.

Ata o 23 de xuño de 2017, só despois de que reciban o aviso por parte da organización para pagar, os mozos inscritos deberán entregar na Casa da Cultura, en horario de atención ao público, os xustificantes de pago da cota, confirmando así a súa reserva de praza. Os mozos que non realicen o pago nestas datas perderán o seu dereito á praza, quedando vacante para cubrila coa xente que estea apuntada na listaxe de agarda. Tamén deberán cubrir un formulario de inscrición na actividade que lles será remitido por correo electrónico unha vez remate o prazo de preinscrición.

Os mozos inscritos na listaxe de agarda, veciños do concello ou non, ocuparán as prazas que queden vacantes despois de rematado o prazo de pagamento dos mozos de Brión. En todo caso, sempre terán preferencia os mozos de Brión que tiveran quedado en listaxe de agarda dentro do prazo de inscrición do 2 ao 31 de maio de 2017.

Coa confirmación da reserva da praza no momento do pago da cota establecida, os participantes comprométense a cumprir co establecido nestas condicións xerais e co programa da viaxe na súa totalidade.

ANULACIÓN DA RESERVA E DEVOLUCIÓN DE TAXAS


En base á Ordenanza fiscal 20-PP reguladora do prezo público pola prestación de servizos culturais, educativos, deportivos e de ocio publicada no BOP da Coruña número 274 do 27 de novembro de 2008, só se procederá á devolución do importe do prezo público correspondente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

1. Que por causas non imputables ao obrigado ao pagamento do prezo, non se preste o servizo por parte do Concello.

2. Que se comunique por escrito a baixa na actividade ao departamento xestor e con carácter previo ao seu inicio, e esta non supoña un prexuízo a outros interesados.