Como xa estarás informado, O Concello de Brión programa todos os veráns unha viaxe para a mocidade do municipio con idades comprendidas entre 18 e 35 anos. De cara a este verán, o Concello ten previsto realizar unha viaxe a Punta Umbría (Huelva), na Comunidade Autónoma de Andalucía

PARTICIPANTES, DATAS, PREZO E HORARIOS

Poderán participar preferentemente todos os mozos e mozas empadroados no Concello de Brión de entre 18 e 35 anos. A viaxe realizarase entre o 25 e o 31 de Xullo de 2016, coa saída de Brión a noite do domingo 24 de xullo. O prazo de preinscrición permanecerá aberto do 2 ao 31 de maio de 2016, haberá un total de 52 prazas que serán asignadas por rigorosa orde de inscrición. O prezo da viaxe é de 220 € e inclúe desprazamentos e estancia a media pensión (pernocta, almorzo e cea) no Albergue Inturjuven de Punta Umbría (Huelva) ademais das saídas que se realicen durante a estancia. É necesario aboar esta cantidade entre os días 1 e o 22 de xuño de 2016 (unha vez avisados pola organización) para facer efectiva a asistencia á viaxe. Ligazón coas follas de pagamento de taxas.
Así mesmo, os participantes deberán cubrir un formulario de inscrición que deberán entregar á organización acompañado do resgardo que acredita o abono do importe correspondente ao prezo público da actividade (seralles remitida no seu momento por correo electrónico)

ALOXAMENTO

O aloxamento será no Albergue Inturjoven Punta Umbría, que pertencente á rede de albergues para mozos da Junta de Andalucía. Fica, literalmente, a pé de praia, nunha localización máis que privilexiada. É un edificio con amplos espazos abertos, xardíns e terrazas fronte ao mar, con vistas que deixan sen alento.

VISITAS E ACTIVIDADES

A medida que nos vaiamos achegando a data da viaxe iremos informando sobre as distintas actividades que se levaran a cabo durante a viaxe de 2016.

NORMAS

Este viaxe está pensado coma unha excursión de grupo, e como tal o que se pretende e que o grupo permaneza unido. Para poder asistir a esta viaxe é necesario respectar unha serie de normas básicas de comportamento:
- As saídas e actividades son totalmente obrigatorias, é dicir, ningún dos participantes pode facer a viaxe por libre, hai que respectar horarios tanto das comidas coma das saídas, diúrnas e nocturnas.
- O albergue onde nos imos aloxar terá uns horarios flexibles pero á vez controlados.
- Os encargados do grupo serán os monitores, que en todo momento serán responsables de que os participantes cumpran coas normas establecidas previamente. Estes terán a capacidade para poder devolver á Brión calquera participante que non cumpra axeitadamente coas normas establecidas.
- Imos durmir nun Albergue todos xuntos e con outros grupos, para o bo funcionamento da convivencia entre todos estableceranse unas normas básicas que non poderán ser vulneradas baixo ningún concepto.