Do 25 ao 31 de xullo, un grupo de 45 mozos e mozas de Brión, de entre 18 e 35 anos de idade, visitaron a localidade onubense de Punta Umbría. Un recuncho de Andalucía coñecido polas súas extensas e soleadas praias que serviu de punto de partida para emprender diversas excursións polo occidente andaluz e o sur de Portugal.
Os participantes na actividade achegáronse ata Aracena, localidade situada na serra do mesmo nome, coñecida polo seu afamado xamón. Alí, o grupo visitou a “Gruta de las maravillas” e, como non, o “Museo del jamón”. A cidade de Sevilla foi outro dos destinos escollidos, xunto con El Rocío e Matalascañas. Nunha das xornadas, os mozos e mozas dirixíronse a rexión do Algarve, no veciño Portugal. Alí coñeceron as localidades de Vilamoura e Albufeira.
Unha semana de vacacións chea de momentos inesquecibles, onde mozos e monitores contaron co constante apoio de Lito e Pepe, os condutores dun autobús que non parou de facer quilómetros. Dous grandes profesionais aos que queremos transmitir o noso agradecemento en nome de todo o grupo.
Dende a organización da actividade, só podemos falar novamente de satisfacción. Foi unha experiencia inesquecible. E todo grazas a un grupo de mozos e mozas divertidos, asemade que disciplinados, solidarios e sempre dispostos a colaborar. Estámosvos moi agradecidos por participar nesta actividade que dende 2007 (sen contar os intercambios) está a establecer inquebrantables lazos de amizade e camaradería entre xente nova de todos os puntos do concello e localidades veciñas. Esperamos contar convosco en futuros proxectos. Mentres tanto, só queda lembrar con morriña as imaxes dunha viaxe que, aínda que rematou, deixou unha profunda pegada en todos nós.

Aquí atoparás unha galería con imaxes da actividade!

Comentarios ( 0)